Cabe indagar porque o home sempre se preguntou, cal é a orixe da inmensa dúbida que o ateiga de miserías, angurias e magoas. Se cadra, sentese na imperiosa necesidade de saldar unha débeda eterna –segundo Nietzsche, é o sentemento de “culpa” o que determina grande parte dos actos humans- concedida no abrente da sua orixe; se cadra, sentese merecente dunha penitencia secular por ser quen é, por camiñar erguido, por ser quen de somentes precisar de duas das suas extremidades pra se mover, por posuir na sua cavidade craneal dunha das máquinas máis perfectas que existen no cosmos, por contar cun dedo polgar afastado algo máis do normal do resto dos catro restantes dedos das suas mans e así poder asir con correción a espada ca que combatir as adversidades da vida. Semella o home terse coma un ser a quen lle é de obriga sere agradecido per saecula saeculorum.
Se cadra, velaí a sua continua e universal pregunta, aquela á que tentaba artellar unha resposta a philosophia clásica, aquela á que tentou aproximarse o cristianismo platonico-aristotélico mantendo como único sendeiro pra a acadar a unicidade de Ideas –e, polo tanto, a resposta final a todalas preguntas- que reunía Deus (Beleza, Ben, Xustiza, Sabedoría...), a fe nun ser perfecto, omnipotente e omnisciente. Parecenche parvadas dunha suma inutilidade? Cres que non pode o home atopar sentido ás suas dúbidas existenciais por semellantes vieiros xa esmorecidos, arcáicos? Pensas ben; seino.
Efectivamente, o pensamento humán non se contentou con estas respostas ofertadas dende pontos de vista excesivamente “metafísicos” pra fuxir do cárcere do “non saber nada sobre si mesmo” e, gracias ó razonamento de pensadores nados nos tempos do Renacemento e logo da Ilustración, o ser human foi quen de se exisir máis, de non se resinar, de continuar á procura do que o mantiña na débeda sempiterna, e desexou afondar máis ainda. O certo é que achegouse un chisquiño máis á realidade sobre a que tanto se estaba a interrogar. Así, moitos filósofos apostaron por coller os sendeiros da experiencia, o analise, o razonamento lóxico pra se aproximar á orixe do “ser e estar” do home, e afirmaron con rotundidade a aportación excepcional da “ciencia” pra nos tender unha ponte cara a Verdade. Dende que aqueles ousados pensadores (Descartes, Kant –o forxador do “método científico”-, etc), fortes de razón, que se atreveron a replicar e mesmo contradecir os argumentos dos neo-platónicos (a Igrexa oficial), moitos dos cais foron condeados a morte (vesase Galileo), a “ciencia” non deixou de gañar terreo ata se converter no único camiño pra conquerir respostas ás dúbidas que embargan a existencia humana, e inda hoxe seguese a ter como metodoloxía “exacta” e fiable. A crenza nun ser Supremo e sumo sabedor fai tempo que deixou de aportar respostas –inda que segue a ser o contenedor de redenciós, obxeto de culto dos que non cren na capacidade do home pra achar respostas-; Deus xa hai longo tempo que deixou de ser o artista que tinxiu de azul o ceo, de verde as leiras, de branca e tímida a lua, de amarelo o sol, e de cores o mundo. Xa non é o xerme do Ben e o Mal, mais segue a ser, pra moitos, alguén a quen recorrer cando a anguria invade os corazós.
Mais, é posible fiar cegamente na lóxica xurdida da “ciencia” pra chegar a acadar o que con tanta insistencia vimos, dende os albores da Humanidade, procurando? Noutras verbas de doada comprensión: pode a “ciencia” converternos en seres dotados da capacidade de influir, e mesmo modificar, o noso destiño –que, ó cabo, é o que se agacha tra-la “Verdade”-? Sinxelamente: pode a “ciencia” converternos en Deus, creadores e verdugos, levarnos a ser principio e fin de nos mesmos? É a razón a nosa única compañeira de viaxe? O home é un “ser de ciencia” –e cada vez menos un “ser relixioso”-, un ser vivo que sempre se está a preguntar. Pero, e si realmente non estamos a artellar os interrogantes axeitados? Facemonos as preguntas correctas? Se así fose, a “ciencia” sería o correcto, mais se do contrario fose nada podería aportarnos, pois ésta foi concebida a partires de determinadas e prefixadas inquedanzas do home que, de seren outras, outros serían os sendeiros a seguir, non é?
Coñecidas por todos son as preguntas nas que se pode sintetizar a existencia do home: o “Quen somos”, o “Como chegamos a ser quen somos”, e o “Cara onde se supón que ímos”. Cal é a orixe de toda dúbida? Precisamente a sua “orixe”, pois unha vez recoñecida deixa de ser unha “dúbida” e convertese nun “problema”, potencialmente resoluble. Eu afirmo: Dúbida entre dúbidas será aquela que permañeza como dúbida inda que se recoñeza a causa da mesma. Tentarei explicarme.
A “ciencia” foi capaz, gracias á sua metodoloxía “empírica” (1º- Observación dun fenómeno concreto, 2º- Contrastación do mesmo fenómeno en diversas condicións, 3º- Formulación de hipóteses que tenten dar unha explicación a ese fenómeno, 4º- Aplicar esas hipóteses ós supostos que, de seren as correctas, pasarían a ser 5º- Leis Universais, teorías con vixencia namentras non se demostre o contrario), de aportar unha resposta fehaciente á primeira das dúbidas: o “Quen somos”.
En efecto, tanto a Física como a Química, así coma outras disciplinas complementarias, foron quen de nos amosar que a “Creación” non foi Opus Dei (Obra de Deus), non foi xestada por vontade dun “Quen”, senon resultado dunha serie de fenómenos físicos e químicos derivados de feitos nos que a constante transformación da enerxía contida no Cosmos xerou a realidade tal e como ata nos chegou (nacemento do Universo, dos obxetos cósmicos –planetas, estrelas, etc-, a evolución física do noso planeta, etc). Estas teorías están corroboradas pola comunidade científica internacional e, namentras non se demostre o contrario, será a única resposta ó “Quen somos”. Tempos ha nos que foi Deus quen en seis días foi capaz de crear o mundo coñecido.
Do mesmo sendeiro “empírico” serviuse a “ciencia” pra razonar arredor do “Como chegamos a sermos”. A coxuntura de fenómenos químicos e físicos antes nomeados foi quen de aporta-lo que compría pra a aparición da auga no noso planeta, e nela dos primeiros microorganismos, ós que seguiron os seres pluricelulares, vexetais mariños, terrestres, invertebrados, vertebrados, anfibios, reptís, paxaros, mamíferos... Galileo, Kepler, Newton, Jefferson, Darwin. Son feitos que teñen explicación. Foi, entón, cando o home achou resposta ó “Como...”. Mesmo chegou a conclusiós axeitadas pra se aproximar un chisco á sua orixe, gracias á Teoría da evolución de Darwin, e hoxendía xa non se avergonza de contar entre os seus devanceiros a homínidos correteando na sabana africana, relacionandose con primates, comendo carroña, fornicando ó marxe do pudor, etc.
A “ciencia”, así pois, contribuiu a desvela-lo segredo que se agochaba tra-los interrogantes “Quen...” e “Como...”, e amosouse como camiño axeitado pra lle acadar sentidiño ás explicacións que, ancoradas no razonamento, esbozaronnos con tino (inda que non de modo exhaustivo) todo o acontecido no espacio-tempo ata os nosos días. Mais, velaí o talón de Aquiles do “método científico”. Seguirei a expór as miñas explicaciós.
Claro. O método empírico resultou eficaz pra explicar tanto a Xenese da nosa realidade (Creación do cosmos, planetas, estrelas, etc), como o proceso que esa realidade sufriu (orixe do noso planeta, aparición da vida, etc) ata chegar a se converter no que hoxe coñecemos como Mundo. Aí sí que non lle imos nega-la aportación. Mesmo é esa “ciencia” a que está a influir de tal xeito na nosa realidade, que mesmo pode chegar a modificala e transformala. A iñorancia que séculos atrás mantiña o home respecto ó seu pasado, sobre a creación do mundo, etc, foi asulagada por completo cas aportaciós científicas –mesmo certos sectores da Igrexa católica (a menos intrasixente dentre todalas igrexas cristiás) tiveron que recoñecer, ben cedo ou serodiamente, o moito que a “ciencia” colaborou pra conquerirmos un mundo mellor (vesaxe, se non, o perdón que a Igrexa lle otorgou a Galileo séculos despois, logo de te-lo condeado por herexe por mor de decir que era a Terra a que xiraba enderredor do Sol, e non ó revés).
Pero, que pasa ca terceira das preguntas, co “Cara onde”? Nin ti nin eu negaremos que ese “Cara onde” fai referencia a inconita que pro home supón o descoñecemento total sobre o seu futuro, a sua incapacidade pra afondar nél e ser quen de adiviñar o seu contido. Se así é, que sucede co “futuro”? Diu a “ciencia” mostras evidentes de ser ela quen de nos amosar, inda que fose feblemente, o que se atopa tra-las cortiñas do “devir”? Velaí a fenda pola que o “metodo empírico”, aquel que apostaba pola “experiencia e observación” antes da “reflexión e emisión de xuizos absolutos”, perde credibilidade como “cofre de soluciós inagotables”.
Se cadra, Galileo tiña razón, e tamén Isaac Newton, e Copernico, e mesmo Darwin. Pode que se me convenza -usando parametros, mediciós, experimentos, comprobaciós, comparaciós, resultados-, de que o “Quen somos” e o “Como chegamos a sermos o que somos” ten explicación e é verificado nunha probeta ou nun vaso de precipitado dun laboratorio. Mais como ser humán, como animal pensante, reflexivo, poseedor de razón, de entendemento, de conciencia, de sentido da xustiza, de sentimentos, de medos, que son, nunca a “ciencia” será capaz de me convencer por completo namentras non sexa quen de me amosar que é o único e axeitado sendeiro pra me responder a todalas cuestiós que, como home, manteño -e manterei sempre- entre os misterios meirandes da vida e da existencia.
Sego sendo un inconformista. Seino. Ti dirás: a Verdade aí a tes, a “ciencia” achegase paseniña cara ela. Eu respondereiche: é certo, a Álxebra é perfecta. Tamén é certo que nada sabemos do futuro, do noso destiño derradeiro. En resumo, a “ciencia” inda non foi lexitimada pra respostar á pregunta “Porque estamos eiquí?”, “Cara onde nos diriximos?”. Pra quen escrebe, a “Ciencia” mesma é un doxa, verba de orixe clásica que define aquela ciencia baseada no discutible, no opinable. Non é o mesmo proceder científico algo discutible, ergo algo subxectivo, xa que está composto dende a óptica do propio ser humano, un ente que as máis das veces tende a caer no orgullo e, por elo, na imprecisión que xenera? Adiquemoslle un pensamento á “Ciencia” mesma, ousemos dubidar dela.
Eu digo máis: é a “ciencia” a que, coma nunha farsa, está a xestar o futuro dende o presente, dende o seu propio presente. Se en lugar de prestarlle atención á conquista progresiva do Espacio extraterrestre, á comunicación ilimitada entre os seres humáns, á enxeñería xenética, á robótica, á riqueza e ó poder atómico, en definitiva, a todolos eidos da investigación científica actuais, e no seu lugar a “ciencia” ocupase a meirande parte dos seus esforzos en facer dianosticos e difundir teorias sobor, por exemplo, o inmaterial...
No hay comentarios:
Publicar un comentario