Aquel home estabame a causar unha extraña expectación. Mentres falaba conmigo, botaba un grolo de viño de cando en vez e misturaba as palabras con expresións exaxeradas que non o eximían de ser o foco de alerta dos peons que polo parque camiñaban, pois ademáis de ter utilizado as mans para falar, o seu ton de voz era rasgado e forte coma un megáfono.
Perante preto de media hora estivemos a falar eu e aquel extraño ser. Contoume que levaba xa ben tempo vivindo tan “ceibe”, como dicía él, na nosa sociedade, pero que algún que noutro intre da sua leda vida sentía morriña de voltar a ser coma era antonte: un home casado cunha bela muller, cun traballo do que non estaba amargado, cun modesto lar no lugar de Carracedo, cun bo anaco de queixo cando quería facer do seu corpo un inagotable regueiro de sensacións placenteiras...
Seica un día se lle meteu o demo no pensamento.
- Mais a vida voltea sen que te decates. Un día de outono, a miña consciencia toleou e privoume do que maís agarimo extraía nas miñas horas. Hoxe conto ca soidade coma compaña. Ela non me rexeita cando lle pido consello, non me replica, non me amola cos seus problemas por que o único que pode ter é que eu non solicite os seus servicios...
Falaba sempre ollando cara ningures, cos seus iris azuis esblanquexados polas longas noites sen descanso pleno e avermellados polo mal caldo que sempre depositaba no seu bandullo minguado de seguro pola ausencia de anacos de pan diario cos que vitamina-la sua vida. A suor penduraba da sua fronte coma as bagoas que xa non podían verte-los seus ollos mancados.
Aquel home deixaba cae-lo seu ánimo nos meus tímpanos como se houbese de ser eu o cronista da sua vida. Pero semellaba ledo e conforme co que a realidade lle regalaba. Contaba con preto de sesenta anos, pero dos últimos dicía que lle serviron para goza-la vida con maís xeito, gardando coma un valioso botín cada segundo vivido e nunca xamaís volto a esquecer, e conservando en alcohol unhas carnes que só lle valían para sufri-los castigos e labazadas da climatoloxía desta cidade. Coñecía cada burato e esquina das ruas como o que coñece as suas virtudes persoais á perfección, pois eran estas, as hoxe candentes ruas, as soas posesións cas que contaba o home.
Cando tivo rematado a sua autobiografía, ficou calado durante bastantes minutos. Eu limiteime a concentra-los meus esforzos en mante-la miña temperatura corporal estable. Tentei controla-lo respiro a base de miudas aspiracións para que o meu organismo mantivese en humidade constante a pituitaria e así distribuir-la suoración da dermis. Erguin a cabeza e alí seguía: tan fresquiña e dexesable nun tempo tan dictador, cas suas gotiñas mollando o chan; tan coqueta e ben feita.
Pensei pra min se o individuo co que estaba a compartir o mesmo banco e as mesmas labazadas do vrao dexesaba de igual maneira enche-lo seu corpo de frescura e alivio naquela fonte. Mireino de reollo e a imaxe ca que me topei seguía a se-la mesa ca que facía ben pouco: un novo grolo de viño viña aplaca-la calor que padecía o merdento home.
No hay comentarios:
Publicar un comentario