Nuria entreveu que non ía ser quen de facelo a xeito -ou más ben quixo vascular a responsabilidade da extracción na restauradora-, e chamou a Isa pra que acometese a delicada operación. A pobre da rapaza, a única entre nos que conservaba a pel branca coma un Macintosh (botaba todo o día na caseta limpando cerámica e consolidando moedas), pusoxe colorada; “Que puta esta tía, me pasa el marrón a mi”. O certo era que lle tiña chegado a hora de pór en práctica todo o que estudiara e o momento non era o desexado, con todos nós alí alertados, cheirando, e expectantes ante o que se supuñan eran os restos case que íntegros dun pequerrecho recipiente de vidro decorado e con releves. Apareceu soterrado nunha unidade estratigráfica de sedimentos máis modernos que a que os contiña, e semellaba definir en planta un dos máis de trinta surcos que había en toda a area, inda que conforme descendía de nivel adquiría a figura dun enterramento (formas antropomorfas e orientación E-O). O novedoso era que, malia escachado en cachiños, o vaso apareceu case enteiro.
Foi logo polo palillo, o pincel, e un “taper” onde nada máis podía coller unha faba grande. Con precisión de neófita neurociruxana, comenzou a limpar a area que arrodeaban os anaquiños de vidro postos uns riba dos outros. Cando deixou ceibe de terra e area solta a superficie do achado, tomou unha carboneira e, como se estivese repartindo a tarta nupcial, recolleu a porción de terra que contiña tan fermosa testemuña dos nosos anceios. Meteuna a gusto no “taper”, e botou unha ollada de satisfacción a Nuria.
Os anacos xa revelaban un finisimo traballo. A todos nos constou que era un recipiente de dimensións medias, o vidro era dunha calidade non coñecida ata entón noutros restos atopados na excavación, contiña unha decoración xeométrica, e parecía ter chegado ata nos en condicións de conservación privilexiadas. Os restos asomaron, pois, en niveis estratigráficos no sustrato excavado intencionadamente para o soterramento, dentro dunha unidade de rexistro inmersa á vez nun subsector que xa días antes tivera outorgado algunhas satisfaccións a todos nós (sigillata, cerámica estampillada, moedas, un anel…), inda que poucas estructuras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario