domingo, 6 de noviembre de 2011

Lois I



“Vou botar a lingua pra fora. A ver si así son quen de aturar tanta calor”, dixen pra min mentras ascendía pola rua da Madraza, unha das maís dificiles de alcanzarlle o cumio de toda esta cidade fervente. As pernas pingaban a suor coma villas que alguén esquece pechar despois dunha fartura de viño novo que lle altera os sentidos ata a mesma perda de conciencia. Na coronilla da miña testa punzaban os raios do sol coma querendome trepanar as ideas que, ainda que non eran moitas nen moi lúcidas, seguían na teima de concentra-los meus esforzos en chega-lo meu destiño único: salva-la ascensión da rua Madraza, unha das maís difíciles de alcanzarlle o cumio desta cidade fervente.


Se conseguía tal propósito “xuro deitarme un anaco para facerme á idea do que viña de facer”. Mentres, debía tomalo coma un reto e imaxinar que era protagonista da fazaña do ano. Xa vía a miña instantánea no xornal comarcal baixo o titular: “Chega ó cumio da rua Madraza e convertese no primeiro en concluir tal feito”, sendo logo recoñecido polas ruas, admirado e convertido nun heroe de épica. Tra-lo meu logro, moitos serían os que tentasen repeti-la heroicidade: uns buscarían facelo en menos tempo ca min, outros subirían a costa cun copiloto o seu lombo que lle ía dando ánimos a berro forzado; algúns buscarían entrar nos records ó conseguir chegar ó seu fin ascendendo cunha botella de butano chea pendurada do seu nariz adestrada para tal fin durante meses. Outros asegurarían poder face-lo descenso da rua dando reviravoltas sobre si mesmos, cumprindo a sua promesa ata que, nunha edición do que nun tempo chegaría ser un clásico no circuito internacional de “logros parvos” -ó que acudirían moreas de tipos de singularidade mofante e dubidosa estabilidade psíquica-, un dos retadores partiría a cachola contra un dos pivotes de aceiro instalados polo concello semella que pra tal fin, polo que a “Asociación de amigos do diseño en forxa no moviliario urbán” decide denunciar e levar ante a xustiza os organizadores do devandito evento, os cais decidirían suspende-la convocatoria seguinte pola presión que a comunidade internacional, abandeirada pola ONG “Pola perpetuidade na conservación da masa gris cerebral”, exercería sobre eles.
Perante os momentos no que a miña imaxinación cavilaba estupideces descomunais e merecentes de calificalas coma “producto de inactividade  intelectual crónica” pola comunidade científica, decateime de que facía tempo que estaba a cumprir ca debeda que emanaba da autopromesa rubricada facía minutos polo meu espiritu honorable e cabaleroso, e xa descansaba a miña fatiga no maís alto da rua Madraza. Sentado na beirarua, mascaba sen determe un segundo a viscosidade bucal, culpa da excesiva segregación de saliva que, pola calor imperante, secaraseme entre os dentes e nas unions dos beizos provocando unha sensación de incomodidade non recomendada.
“Hei beber un pouco”, pensei. A inxente necesidade fixome erguer de supeto e prosegui-lo camiño que, agora si, presentabase horizontal e levadeiro, e que tiña como sino satisfacer unha necesidade fisiolóxica urxente. Busquei o modo de camiñar sempre facendo coincidi-las miñas candentes carnes nas sombras que proxectaban as edificacións e evitar así ter que padecer os raios verdugos do sol que tanto mal estaban a facerme hoxe, e penso que a calquer ser vivo de sangue quente.
Semellaban ser preto da unha e media do serán dun sábado arrepiante, magro e inquisidor. “¿Por onde nabos había que coller pra chegar ó parque da Carracha?”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario